• Busca da excelencia a través de mecanismos externos de avaliación da súa actividade

Avaliación previa á contratación: destinatarios

Avaliación previa á contratación como profesorado contratado doutor, axudante doutor e de universidade privada:

Poderán solicitar a emisión da avaliación previa á contratación como profesorado contratado doutor, axudante doutor e de universidade privada, aquelas persoas que estean en posesión do título de doutor.

A pertenza ao corpo de catedráticos de universidade e profesores titulares de universidade ou a situación administrativa e académica de atoparse acreditado para estes corpos, implicará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia en calquera destas tres figuras.

A obtención da avaliación positiva da ACSUG para a figura de profesorado contratado doutor implicará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesorado de universidade privada e axudante doutor.

A avaliación positiva obtida na ANECA implicará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia, nas figuras en que se obtivesen a avaliación positiva.

Informe previo á contratación excepcional de profesorado colaborador:

A Lei orgánica 4/2007, deixou sen contido o artigo da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, que regulaba a figura do profesor colaborador, quedando esta como unha figura a extinguir

O Real decreto 989/2008, de 13 de xuño, en cumprimento co previsto na disposición transitoria segunda da citada Lei orgánica 4/2007, estableceu como prazo límite para que as universidades convocasen concursos para a contratación excepcional de profesores colaboradores, o 3 de maio de 2013. Por este motivo, a convocatoria publicada mediante a resolución do 4 de febreiro de 2013, foi a última na que se admitiron solicitudes de profesorado colaborador.