• Busca da excelencia a través de mecanismos externos de avaliación da súa actividade

Profesorado

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), modificada pola Lei Orgánica 4/2007, do 12 de abril; sinala como un dos seus obxectivos prioritarios na procura da Excelencia, o da mellora da calidade na docencia e a investigación do seu profesorado universitario. Neste sentido, introducíronse mecanismos externos de avaliación, coa finalidade de valorar con independencia e con criterios obxectivos e transparentes, a actividade do profesorado en distintas fases e facetas da súa carreira profesional. Por unha banda, inténtase garantir un sistema máis obxectivo e transparente na selección do profesorado contratado, que garanta o mérito e a capacidade, esixíndose unha avaliación previa á selección polas universidades, en distintas figuras contractuais. Doutra banda, en canto aos profesores que xa alcanzaron unha situación laboral estable, introdúcense incentivos, a través de complementos retributivos, á súa actividade: docente, investigadora e de xestión; para o que tamén será necesaria a avaliación dos seus currículos. A asunción das competencias, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para realizar estas avaliacións por parte da ACSUG, a través da disposición adicional vixésimo sétima da Lei do Parlamento de Galicia 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, supuxo o punto de partida no desenvolvemento dos procesos de avaliación de profesorado, que actualmente se levan a cabo, por esta.