Actualidade

Reunión ordinaria do Consello Reitor

19/12/2025

O 18 de decembro tivo lugar a reunión ordinaria do Consello Reitor de ACSUG, máximo órgano de goberno do consorcio.

Durante a sesión, e tras a aprobación da acta da reunión anterior, abordouse unha orde do día propia da derradeira reunión do ano. O presidente presentou o seu informe, no que se fixo balance das actuacións desenvolvidas, e analizouse o plan operativo do Plan Estratéxico 2025–2030, documento clave para orientar o traballo da ACSUG nos vindeiros anos.

Así mesmo, tratáronse distintos convenios con outras institucións, avanzando na cooperación interinstitucional, e realizouse a planificación das actividades previstas para 2026. A reunión pechouse coa presentación do proxecto de orzamentos para o exercicio 2026, co obxectivo de garantir unha adecuada planificación económica.

Esta sesión permitiu pechar o exercicio anual e definir as liñas de actuación que marcarán o futuro inmediato da ACSUG.

Fotografía da reunión

II Encontro Galaico-Arxentino de Educación Universitaria en Santiago de Compostela

27/10/2025

Despois do primeiro encontro entre as tres universidades galegas e catro arxentinas, celebrado en novembro de 2024 na cidade de Buenos Aires, no que participaron tamén o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional e o Secretario Xeral de Universidades, xunto cos tres reitores das universidades públicas galegas e os catro das arxentinas, ACSUG coordinou un segundo encontro en Santiago de Compostela para avanzar no proxecto inicial de coordinar graos, másters e doutorados con dobre titulación, española e arxentina.

O obxectivo principal é conseguir moito máis que a mobilidade de estudantes, que xa pode darse entre universidades arxentinas e españolas. Á idea, proposta por ACSUG, de creación e implantación de programas de grao, máster e doutoramento con dobre titulación, acordada coas tres universidades galegas, sumáronse catro universidades arxentinas: a Universidade Nacional de La Plata, a de Lomas de Zamora, a de San Martín e a Universidade Tres de Febrero.

Aquel primeiro encontro en Buenos Aires non caeu no esquecemento e, tan só, oito meses máis tarde, xa se converteu en realidade, pois neste segundo encontro, xa se firmaron doce acordos de impartición de doutoramentos cotutelados, repartidos entre todas as áreas de coñecemento coa implicación das sete universidades implicadas.

A Consellería comprometeu financiamento para axudar ao intercambio de estudantes, tanto para as matrículas como para as estancias. Todos agardamos que, para o próximo curso, estes acordos para títulos de doutoramento poida estenderse tamén ao graos, o que significará que a internacionalización de títulos universitarios é xa unha realidade entre Europa e Latino América.

 

ACSUG entra a formar parte de RIACES

08/09/2025

A Rede Iberoamericana para o Aseguramento da Calidade na Educación Superior (RIACES) reúne ao redor de 50 membros entre axencias e organismos oficiais que representan a 18 países de América e España.

ACSUG, que desde 2012 vén acreditando con criterios europeos universidades de Perú, México e República Dominicana, foi integrada como membro da devandita rede iberoamericana na XXII Asemblea Xeral celebrada recentemente en Río de Xaneiro.

Desde hai anos, ACSUG vén expandindo a América Latina o sistema europeo de educación superior, o que mereceu unha referencia de excelencia por parte de ENQA. Con este obxectivo de internacionalización da educación universitaria, coordinou un encontro en Buenos Aires dos reitores das tres universidades públicas galegas e a Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional, e traballa actualmente no establecemento de dobres titulacións de doutoramento para comezar no presente curso e de grao para o próximo.

ACSUG sente moi honrada pola consideración tan especial que tivo RIACES ao admitila a formar parte entre os membros dos 18 países que a constitúen. Isto permitiranos ser aínda máis activos nas nosas actividades en Iberoamérica.

Reunión de traballo sobre as novas figuras de profesorado universitario e complementos autonómicos do devandito profesorado

24/07/2025

Na sede da ACSUG, convocados pola Secretaría Xeral de Universidades, tivo lugar unha reunión á que asistiron os responsables dos vicerreitorados de profesorado das tres universidades, dous representantes da Consellería da Facenda e Administración Pública, ademais do presidente da CGIACA e o director de ACSUG con un técnico da propia axencia.

O obxecto da reunión foi analizar as necesarias revisións que, por desenvolvemento da LOSU, deberán facer as Comunidades Autónomas e as universidades galegas para axustarse ao novo marco lexislativo.

Dous foron os puntos principalmente analizados. En primeiro lugar, a adecuación das diversas figuras de profesorado universitario ás novas denominacións e criterios xerais regulados pola LOSU, como é o caso de Profesor Permanente Laboral, coa posibilidade de incluír a de Profesor Titular e Catedrático. En segundo lugar, abordouse a necesidade de elaborar un novo decreto que regule as figuras do profesorado universitario que poidan acceder á convocatoria de complementos autonómicos, que substituirá ao actualmente vixente desde 2004.

Tras un largo intercambio de opinións, moi instrutivo e aclaratorio, e de recoller diversas suxestións e propostas, fixouse a necesidade dunha serie de informes necesarios por parte das diversas institucións representadas para continuar á volta das vacacións, no mes de setembro, cunha nova reunión, para seguir avanzando nestes dous procesos: regulación da tipoloxía do profesorado universitario e definición e contido dos complementos autonómicos.

MANIFESTO DE ACSUG TRALA SÚA ACREDITACIÓN POR EQAR E ENQA E TRALA APROBACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO 2025-2030

21/07/2025

O ano 2025 marca unha nova etapa de traballo e de proxección da ACSUG cara o futuro, trala certificación de EQAR e de ENQA de acreditación para os próximos catro anos e a aprobación dun novo Plan Estratéxico 2025-2030, é dicir, para os próximos 5 anos.

A visita e avaliación de ENQA en 2024 foi moi esixente, pero foi tamén un revulsivo e creou unha conciencia de compromiso da ACSUG por mellorar ela mesma internamente e contribuír á mellora da calidade das nosas universidades galegas.

Nada máis rematar a visita de ENQA, a Axencia puxo mans a obra para conformar un Plan Estratéxico no que estivo profundamente implicado o persoal da ACSUG, que elaborou un primeiro borrador, sometido logo a consulta do Consello Asesor e do Consello Reitor, que fixeron observacións moi importantes, do que se beneficiou moi oportuna e convenientemente a redacción última, que foi finalmente aprobada polo Consello Reitor na súa sesión de 15 de xullo do presente ano 2025.

Iniciamos así un novo ciclo, tralo o recoñecemento e acreditación de EQAR e ENQA, en excelentes condicións para mellorar o funcionamento interno e externo da Axencia, coa satisfacción do traballo ben feito, co recoñecemento europeo e coa disposición a traballar no ámbito da calidade universitaria, non só en Europa, senón tamén en América Latina, labor amplamente recoñecido por ENQA pola importancia de expandir a esa parte do mundo os criterios europeos de educación superior e de contribuír á mellora do sistema latinoamericano de educación superior. Neste sentido, compre engadir que, ademais da pertenza da ACSUG á rede INQAAHE, xa está solicitada a pertenza a RIACES (Red Iberoamericana de Agencias de Calidad de Educación Superior) trala solicitude da Secretaria da devandita rede na que manifesta o seu desexo e satisfacción de que ACSUG poida formar parte da devandita rede porque “su compromiso con la calidad educativa es ampliamente reconocido”.

Reunión do Consello Reitor de ACSUG 15/07/2025

17/07/2025

O 15 de xullo, celebrouse a primeira reunión do ano do Consello Reitor de ACSUG.

Entre os puntos máis salientables, destacamos a aprobación do Plan Estratéxico 2025-2030, a Memoria de Actividades 2024, as contas anuais do exercicio 2024, o Anteproxecto de orzamentos do exercicio 2026, así como o nomeamento, como novo vogal académico do Consello Asesor, dun exreitor dunha universidade da República Dominicana.

Unha IA falando con outra IA. Xestión da Calidade Universitaria

04/07/2025

A ACSUG asistiu ao curso de verán “Unha IA falando con outra IA. Xestión da Calidade Universitaria” organizado pola Universidad Complutense de Madrid (UCM), en colaboración coa Fundación para el Conocimiento Madri+d e a a Universidad Internacional de la Rioja (UNIR).

A Intelixencia Artificial (IA) está transformando todos os sectores, e a educación superior non é unha excepción. Pode a IA ser unha aliada na avaliación da calidade universitaria? Como poden as universidades e as axencias de avaliación aproveitar o seu potencial sen perder o xuízo humano? Estas e outras cuestións relacionadas coa IA xerativa foron o foco do debate entre universidades e axencias de calidade nun ciclo de conferencias celebradas entre o 2 e o 4 de xullo en San Lorenzo de El Escorial, Madrid.

Xuntanza de ECA en Colonia

30/06/2025

O 16 e 17 de xuño de 2025 tivo lugar en Colonia unha xuntanza do Consorcio Europeo de Acreditación na Educación Superior (ECA). Ademais da reunión xeral do organismo e dos grupos de traballo, realizouse unha xornada sobre o Aseguramento da Calidade dos títulos conxuntos

ACSUG, que pertence ao organismo desde 2013, estivo representada por Luis Velón, quen ademais forma parte do Comité de Finanzas do Consorcio desde 2019.

 

  

Publicada a nova documentación do Programa DOCENTIA

20/06/2025

As axencias participantes no programa DOCENTIA desenvolveron a seguinte documentación e ferramentas a partir da integración e actualización da documentación previa do programa. Esta nova versión da guía do programa DOCENTIA mantén os fundamentos e aspectos operativos das diferentes versións elaboradas desde 2007, ao tempo que recolle os avances derivados dos resultados e as recomendacións aportadas polos diferentes grupos de interese no programa.

 

 

 

Guía de acompañamento do Programa DOCENTIA 2025

 

 

Anexos da Guía de acompañamento do Programa DOCENTIA 2025

Convocatoria ordinaria de 2025 para a obtención da avaliación previa á contratación do profesorado universitario polas universidades do SUG

21/05/2025

ACSUG celebra una xornada de traballo cos expertos que participan na avaliación dos complementos de excelencia curricular docente e investigadora

06/05/2025

Dentro do marco da convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa a asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular e se abre o prazo de presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria do 2024 (publicada pola RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2024), ACSUG celebrou o pasado 22 de abril, unha xornada de traballo con vinte expertas e expertos, participantes nese proceso de avaliación, representativos de todos os ámbitos do coñecemento. 

Nesta xornada traballouse para poñer en común os criterios de interpretación do baremo aplicados por cada comisión para, por un lado, evitar discrepancias na interpretación do baremo entre as comisións, e por outro, respectar as particularidades propias das distintas ramas do coñecemento na aplicación do mesmo. 

Este traballo tamén serviu para recoller propostas de mellora a aplicar nunha eventual revisión dos criterios de avaliación dos complementos retributivos, así como na metodoloxía do proceso de avaliación en xeral.

Plan de mellora da docencia no grao de enfermería

05/05/2025

ACSUG firma un Protocolo Xeral de Actuación posto en marcha polo Xunta de Galicia para a mellora do ensino universitario de Enfermería, no que participan a Consellería de Sanidade, a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como os reitores das tres universidades públicas galegas. 

Como manifestou o presidente de Galicia no acto de firma, este protocolo supón un gran pacto pola enfermería con tres obxectivos claves: elevar a calidade do ensino, aumentar o número de profesionais formados nas universidades galegas e potenciar a actividade sanitaria. 

A folla de ruta inclúe avanzar cara á concentración da docencia nunha única facultade por universidade, co obxectivo de mellorar a organización académica, a xestión e a calidade formativa. Neste momento o Grao en Enfermería estase a impartir en oito centros de diversa titularidade, repartidos nos sete campus de Galicia. 

Isto implicará a integración progresiva das escolas adscritas ao Servizo Galego de Saúde, que poderá derivar na creación de novas facultades ou na modificación das actuáis.

ACSUG imparte un Seminario de Formación sobre SGC no Instituto Tecnológico de Santo Domingo (INTEC)

30/04/2025

No marco do convenio de colaboración entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e o Instituto Tecnológico de Santo Domingo (INTEC), celebrouse un seminario de formación sobre a importancia dos Sistemas de Garantía de Calidade en Institucións de Educación Superior. 

O programa formativo de este seminario, celebrado na sede de INTEC en República Dominicana entre o 28 e o 30 de abril de 2025 deseñouse cos seguintes obxectivos 

  • Sensibilizar sobre a importancia de contar cun Sistema de Garantía de Calidade. 
  • Proporcionar aos asistentes os conceptos básicos sobre os modelos de xestión de calidade, a xestión por procesos, a mellora continua dos mesmos, así como sobre o ciclo PDCA de mellora continua.
  • Presentar o Modelo de Avaliación de SGC Fides-Audit de ACSUG.

ACSUG obtén, por cuarta vez, o certificado de acreditación de titulacións universitarias, como membro de pleno dereito de ENQA

24/04/2025

Ser membro de pleno dereito de ENQA é “conditio sine qua non” para poder acreditar títulos universitarios con garantía europea de calidade. ACSUG alcanzou dita condición entre as primeiras axencias de Europa no ano 2009 e, desde entón, vén exercendo as funcións de verificación, acreditación e seguimento, así como a acreditación de centros e do sistema de garantía de calidade, non só en Europa, senón tamén en Latinoamérica.

A certificación que estende ENQA é válida por cinco anos, debendo ser renovada ao termo de cada quinquenio. Nesta secuencia temporal, correspondíalle a ACSUG someterse no ano 2024 á súa cuarta reevaluación, acción que levou a cabo por un comité de revisión designado por ENQA. 

O informe do devandito comité foi logo analizado polo Board de ENQA e aprobado definitivamente na Asemblea Xeral celebrada en Paphos (Chipre) do 9 ao 13 do presente mes de abril, onde o director de ACSUG recolleu formalmente a certificación que lle acredita como axencia con plenas competencias de avaliación e acreditación de títulos universitarios de grao, posgraduado e doutoramento.

 

Colaboración de ACSUG na avaliación europea do Grao en Veterinaria no Campus de Lugo da USC

08/04/2025

Luis Velón, técnico en xestión de calidade de ACSUG, participou como observador no comité externo da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (EAEVE) que levou a cabo a avaliación do Grao en Veterinaria no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O proceso de avaliación incluíu unha visita presencial á universidade, realizada entre o 24 e 28 de marzo de 2025.

Fotografía 1 Fotografía 2

ACSUG participa na reunión telemática do Comité de Finanzas de ECA

07/04/2025

O 2 de abril de 2025 levouse a cabo por videoconferencia unha xuntanza do Comité de Finanzas de ECA. ACSUG estivo representada por Luis Velón, técnico en xestión de calidade da axencia e que forma parte do Comité desde 2019.

Presidente e director de ACSUG asisten á presentación do plan galego de investigación 2025-2027

03/04/2025

ACSUG, como Axencia par a Calidade do Sistema Universitario Galego, ven colaborando intensamente co Goberno de Galicia e coas universidades galegas na avaliación do I+D+i, tanto no que se xestiona a través da Secretaría Xeral de Universidades como a través de GAIN, pertencentes ambas seccións á Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.

Por esta razón, a Axencia síntese moi leda co novo programa presentado polo Presidente da Xunta de Galicia, no que anunciou en presencia de máis de un millar de persoas do ámbito da universidade, da empresa e de diferentes referentes da investigación en Galicia, unha folla de ruta con unha inversión de 1.310 millóns de euros, na busca de transformar o modelo produtivo galego e converter Galicia nun referente, tanto nacional como internacional. 

Un aliciente máis para o traballo da ACSUG, empeñada en mellorar a calidade das universidades galegas e dos centros de investigación de Galicia.

ACSUG prepara a avaliación de todo o relacionado co I+D+i da Xunta Galicia

17/03/2025

Como xa é habitual desde o ano 2010, a Axencia vén colaborando coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na avaliación dos distintos procesos relacionados coas convocatorias destinadas para os que optan a unha axuda postdoutoral ou de grupos de investigación: modalidade de grupos de referencia competitiva, grupos de potencial crecemento e programa de excelencia. 

Co fin de mellorar e adaptar os criterios de valoración para mellorar a avaliación, a ACSUG coordinou unha reunión de profesores catedráticos de universidade, alleos ao sistema universitario de Galicia, na que a subdirectora da secretaría xeral de universidades, Irene Bonome, expuxo as liñas e directrices xerais do proceso, para logo escoitar as opinións e orientacións dos catedráticos asistentes. 

Ademais dos 25 asistentes presencialmente, outros 5 fixérono por videoconferencia. Tras o intercambio de opinións e a introdución dalgunhas melloras, fixáronse os prazos para a realización de todo o proceso.

Presidente e director de ACSUG asisten á presentación do libro “A investigación educativa en Galicia 2015-2025”.

06/03/2025

O Director de ACSUG e o seu presidente asistiron á presentación do libro sobre “A investigación educativa en Galicia 2015-2024”, un acto que estivo presidido polo Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a quen acompañou na mesa o reitor da Universidade de Santiago, o coordinador do estudo, Miguel Ángel Santos Rego, que á súa vez é o presidente da CGIACA, e o director da editorial Galaxia, responsable da edición. 

Trátase do terceiro dos estudos, elaborados por períodos de dez anos, para poñer en valor o desenvolvemento da investigación en Galicia na última década 2015-2024, tal como vén sendo habitual neste tipo de traballos. 

Recollendo unha frase do propio estudo: “sen avaliación non hai progreso no espazo público”, temos que dicir que AGSUG non podía deixar de asistir a un acto de presentación como este, dado que o fin primordial da Axencia é a avaliación: avaliación de todos os títulos de grao, máster, doutoramento e sistema de garantía de calidade do SUG; avaliación institucional; avaliación do profesorado, avaliación de todo o concernente ao I+D+i de nosa Comunicade etc. 

Desde ACSUG manifestamos o noso recoñecemento ao esforzo de todos os que traballan pola excelencia en educación e ao coordinador deste traballo, terceiro dunha serie que vén repetindo cada dez anos.

 

ACSUG participa nun boletín de noticias de ECA

28/02/2025

O Consorcio Europeo de Acreditación en Educación Superior (ECA) é unha asociación formada por axencias de garantía de calidade recoñecidas en Europa. ACSUG é membro de ECA desde 2013.

ECA publica periodicamente boletíns informativos que constitúen unha plataforma adicional para que os seus membros compartan as súas noticias e proxectos. ACSUG colaborou no 9º boletín, incluíndo una referencia sobre un Encontro Galicia-Arxentina de Educación Universitaria celebrado en Bos Aires.

ACSUG Presenta un estudo de inserción laboral dos graduados e graduadas no Sistema Universitario de Galicia

18/02/2025

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou o seu décimo cuarto estudo sobre a inserción laboral dos graduados e graduadas nas tres universidades públicas de Galicia. 

Iniciados xa no ano 2005 estes estudos de análises de datos recolleitos a través de chamada telefónica persoal a cada un dos graduados universitarios aos catro anos de finalizar a súa carreira universitaria, nesta ocasión ofrécense os resultados dos que finalizaron en 2018, co fin de recoller as opinións dos enquisados tras seis anos de finalizar, para deixar tempo a que unha gran maioría –ata un 55% dos que fixeron un grao- puidesen realizar unha segunda titulación de #máster, doutoramento ou, mesmo, un segundo grao. 

Mediante enquisa telefónica, na que o egresado había de responder a 74 cuestións, entrevistouse a 7.643 graduados e graduadas, obtendo resposta de 3.356, o que lle outorga ao estudo a fiabilidade dun 95%. 

Enmárcase este traballo que ACSUG vén realizando anualmente no afán de cumprir co seu obxectivo de recoller, canalizar e fornecer á Consellería de Educación, ás universidades, aos empregadores e aos futuros estudantes universitarios e as súas familias toda a información necesaria para que coñecéndoa tomen as decisións necesarias e mellores cada un segundo o que lle corresponde. 

Cunha empregabilidade que supera o 90%, na que se observa que máis dun 75% fano en Galicia, está claro que o que se gasta en educación non é un gasto, senón un investimento. 

Todos os datos que na presentación ofrecéronse agrupados, pronto se verán desagregados por universidade, campus e titulación na web de ACSUG.

Acto de recoñecemento á excelencia dos centros CIGUS

18/02/2025

ACSUG participou no acto de recoñecemento á excelencia científica dos centros de investigación da Rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia), que estivo presidido por Alfonso Rueda, presidente da Xunta 

O acto tivo lugar no Museo do Centro Gaiás en Santiago de Compostela, con asistencia de numerosos representantes das tres universidades e dos dez centros de investigación recoñecidos polos seus especiais méritos en investigación. 

ACSUG, que non só avalía títulos e profesorado, senón tamén todo o relacionado con I+D+i na Comunidade Autónoma galega, estivo presente no acto, representada polo seu presidente e o director, ademais de once avaliadores que colaboraron en moitas ocasións na avaliación de proxectos e grupos de investigación, e mesmo na dalgún destes centros de investigación. 

Tras a intervención do Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, tomou a palabra cada un dos directores dos 10 centros, para finalizar coa intervención do presidente Alfonso Rueda, cun discurso de agradecemento no que se destacou a calidade da ciencia que se desenvolve en Galicia e a importancia de seguir contando con este apoio económico para seguir avanzando.

 

Auditorías do 2025 do Sistema de Xestión de Calidade de ACSUG

17/02/2025

ACSUG levou a cabo en febreiro de 2025, tanto unha auditoría interna, como a primeira auditoría de seguemento (xestionada pola Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), correspondente ao ciclo actual de certificación (2024-2027) do Sistema de Xestión de Calidade da axencia.

Segundo se indicou nos informes finais das auditorías, o sistema de xestión mantense actualizado e implántanse as medidas necesarias para incidir na mellora das actividades. Por quinto ano consecutivo non se detectaron Non Conformidades nas auditorías.

Hai que recordar que o Sistema de Xestión de ACSUG está certificado segundo a norma ISO 9001, e que, ao ser AENOR membro de IQNet, as certificacións obtidas por ACSUG son recoñecidas internacionalmente.

Presentación do informe CyD sobre o progreso das universidades españolas

16/01/2025

O director de ACSUG asistiu o día 15 á presentación do Informe CyD 2020-2021, no que, a través de indicadores seleccionados, como recursos, rendemento e calidade, ofrécense os resultados do progreso e desempeño das universidades españolas.

Trátase do vixésimo informe que nesta ocasión inclúe un elemento innovador: “cada prioridade conta cunha infografía que, mediante un conxunto de indicadores seleccionados, visualiza o estado actual e a evolución da universidade española en cada un dos ámbitos analizados”.

Ao multitudinario acto asistiron representantes de todos os responsables do sistema educativo, desde o Ministerio de Universidades ata os responsables políticos das Comunidades Autónomas máis directamente implicados na educación universitaria, ademais de reitores, profesores, consellos sociais das universidades, estudantes e responsables do mundo empresarial. Neste ámbito, foi precisamente Ana Botín, presidenta da Fundación CyD, a que máis insistiu na necesidade da transferencia do coñecemento da universidade ao mundo empresarial.

A Fundación CyD ofreceu aos asistentes unha fermosa e coidada publicación dos resultados que ACSUG, en canto axencia ocupada e preocupada pola excelencia académica universitaria, valora e agradece moi sinceramente