Actualidade

ACSUG entrega os certificados de acreditación das titulacións de Dereito e Comunicación da Universidade Anáhuac Xalapa

28/05/2018

O día 24 de maio o Sr. Reitor da Universidade Anáhuac Xalapa, Dr. Luís Linares Romeu, e o Director Académico, Mtro. Elí Ricardo Marín Illescas, foron recibidos na sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) polo seu director, Dr. J. Eduardo López Pereira, e o presidente da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), Dr. Miguel Santos Rego. Tras unhas palabras do director de ACSUG e a intervención do Sr. Reitor, o presidente da CGIACA fíxolle entrega dos certificados de acreditación dos títulos de Dereito e de Comunicación.

No acto estiveron presentes os membros das dúas comisións que se desprazaron, en outubro de 2016 e outubro de 2017, a Xalapa (México) para verificar "in situ", e de acordo aos estándares europeos de acreditación, a calidade de varias das titulacións que imparte dita Universidade.

Posteriormente ACSUG agasallou a tan ilustres representantes da Universidade Anáhuac Xalapa cunha comida de confraternidade á que asistiron os membros das dúas comisións de acreditación e o Secretario Xeral de Universidades, Dr. José Alberto Díez de Castro.

Coa acreditación destas dúas titulacións son xa seis as licenciaturas que na devandita Universidade contan cunha certificación de ACSUG: Dirección e Administración de Empresas, Finanzas en Contadoría Pública, Mercadotecnia, Negocios Internacionais, Dereito e Comunicación. Actualmente estase traballando na acreditación de cinco novas titulacións en Anáhuac Cancún, a cal recibirá a visita de dúas novas comisións cara a finais do presente ano.

 

 

 

ACSUG participa nos proxectos europeos DEQAR e IMPEA

02/05/2018

ACSUG, consciente da importancia de establecer vínculos e contactos con outros organismos e asociacións, decidiu implicarse de maneira activa en dous proxectos europeos.

O primeiro deles é o proxecto DEQAR. Este proxecto, que está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e está coordinado polo EQAR (European Quality Assurance Register for Higher Education), ten como obxectivo principal poñer en marcha unha gran base de datos que facilite o acceso aos informes dos distintos procesos de avaliación universitaria levados a cabo polas axencias de calidade europeas. A duración do proxecto é desde novembro de 2017 a outubro de 2019.

O segundo proxecto é o denominado proxecto ImpEA. O principal obxectivo é incidir na implantación de metodoloxías e ferramentas para fomentar o recoñecemento e a implantación de títulos conxuntos nas universidades. O proxecto, que tamén está financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea terá lugar entre outubro de 2017 ata setembro de 2020.

A ACSUG presenta o resumo executivo da súa cuarta enquisa de inserción laboral á poboación titulada en Másteres no curso académico 2012-2013

02/05/2018

A ACSUG presentou o xoves 26 de abril o resumo executivo da súa cuarta enquisa de inserción laboral á poboación titulada en másteres, pertencente ao “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013 (EILMasteres1213)”. Neste informe analízanse os resultados obtidos na cuarta enquisa realizada aos titulados universitarios do curso académico 2012-2013 en másteres oficiais no SUG entre febreiro e marzo do 2016, aproximadamente aos tres anos despois de rematar o máster. A mostra acadada foi de 1.723 titulados en másteres sobre unha poboación de 2.432, o que representa un 70,8% da poboación total de titulados no curso académico 2012-2013.

Imagen1 

No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, Dona María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, Don José Eduardo López Pereira.

A presentación comezou coa benvida da presidenta da ACSUG, quen destacou a periocidade anual destes estudos, situando a ACSUG como a Axencia de Calidade dos Sistemas Universitarios de España que dispón da serie temporal máis longa deste tipo de estudos. Así mesmo, destacou a importancia dos resultados acadados que proporcionan datos estatísticos fiables, obxectivos e comparables sobre a empregabilidade e a inserción laboral no mercado laboral dos titulados universitarios en másteres, así como a percepción que teñen os egresados sobre a súa formación académica.

Tras a intervención da presidenta, o director da ACSUG presentou os principais resultados acadados en aspectos relevantes na traxectoria laboral da poboación titulada en másteres tales como: a motivación para realizar o máster, a actividade laboral previa e posterior ao máster, o tempo medio en atopar emprego desde a fin do máster, a actividade laboral actual, a relación do posto de traballo co máster, o lugar de traballo, a modalidade de contratación, o salario e a valoración global do máster. Así mesmo, tamén resaltou o valor engadido dos másteres en función da relación previa dos titulados co mercado laboral. Remataría a súa presentación destacando as tendencias acadadas nos últimos catro estudos na situación laboral, no lugar de traballo, no salario e na valoración global do máster.

Finalmente o acto rematou coa intervención do Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, quen resaltou a importancia destes estudos a nivel autónomico e nacional, destacando a súa periocidade, que permite deste xeito obter unha análise de tendencias con respecto á traxectoria laboral dos titulados en másteres oficiais no SUG. Así mesmo, resaltou a importancia dos estudos universitarios (grao, máster e doutoramento) na mellora da empregabilidade dos seus titulados. A maior nivel de estudos maior empregabilidade, polo que resulta unha “boa inversión realizar un máster”.

Dentro das principais conclusións extraídas no estudo EILMasteres1213 para o total da poboación titulada en másteres oficias do SUG durante o curso académico 2012-2013 atópanse as seguintes:

Cursou o máster principalmente para complementar a formación académica para obter unha maior especialización no mercado de traballo, ampliar as saídas laborais e acadar un maior desenvolvemento profesional (64,3%).
En canto á situación laboral no momento de iniciar o máster, un 58,2% xa traballaron con anterioridade a este. Un 60,2% simultanearon o traballo co máster.
O tempo medio en atopar o primeiro traballo despois do máster é de 7,40 meses.
Un 92,6% traballaron nalgún momento desde a finalización do máster, porcentaxe que se divide nun 73,9% que traballa actualmente e un 18,7% que non traballa no momento de realizar a enquisa pero si o fixo nalgún momento desde que rematou o máster.
Un 46,5% afirman que o seu traballo está bastante ou moi relacionado co máster cursado. A gran maioría traballa en Galicia (86,8%) no momento da realización da enquisa. Fóra da comunidade galega o 10,8% atópase traballando no resto de España e o 2,4% fóra de España.
A gran maioría traballa en Galicia (86,8%) no momento da realización da enquisa. Fóra da comunidade galega o 10,8% atópase traballando no resto de España e o 2,4% fóra de España.
Principalmente traballa por conta allea (88,8%), onde a práctica totalidade, un 99,5% cotiza á Seguridade Social, dos cales o 40,1% conta cun contrato fixo, mentres que o 46,1% ten un contrato de tipo temporal.
O salario medio dun titulado en máster no SUG é de 1.251,70 €.
Un 77,1% dos titulados en máster volverían a realizar o máster.

ACSUG organiza unha xornada de formación para representantes do MESYCT, do ISFODOSU e do INAFOCAM, da Repúblia Dominicana

26/04/2018
Representantes do Ministerio de Educación Superior, Ciencia y Tecnología ( MESYCT), do Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña ( ISFODOSU) e do Instituto Nacional de Formación y Capacitación del Magisterio ( INAFOCAM), da República Dominicana, participan no Seminario Internacional de Formación sobre Acreditación organizado por ACSUG entre os días 23 e 27 de abril.
As xornadas de traballo desenvólvense a través de sesións informativas e formativas sobre os distintos procesos de xestión da calidade. Expóñense, en primeiro lugar, as principais actividades de avaliación que realiza ACSUG (verificación, seguimento, acreditación da calidade de títulos, sistema de garantía de calidade de centros, etc.) para posteriormente centrarse na metodoloxía dos procesos de avaliación externa a nivel internacional que ACSUG está a levar a cabo. Tamén se informou sobre os procesos de acreditación de profesorado e Programa DOCENTIA. Nunha das xornadas de traballo, participan nunha visita institucional á Universidade da Coruña onde se lle expón o esforzo dos centros na mellora da calidade das súas titulacións.
O resultado máis inmediato desta visita a Galicia será a firma dun convenio de colaboración institucional entre o Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña ( ISFODOSU) e a ACSUG para o asesoramento e acreditación internacional das seguintes titulacións: Licenciatura en Educación Inicial, Licenciatura en Educación Primaria Primer Ciclo e Licenciatura en Educación Primaria Segundo Ciclo.

Presentación do avance de resultados de “Estudo da Inserción Laboral dos Titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”.

24/04/2018

XOVES, 26 DE ABRIL ÁS 12:00 HORAS NA SEDE DA ACSUG.

O xoves 26 de abril ás 12:00 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación do avance de resultados do: ”Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”. No acto intervirán o Sr. Secretario Xeral de Universidades, a presidenta e o director da ACSUG.

Esta publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral da poboación titulada universitaria no Sistema Universitario de Galicia que se levan a cabo de forma periódica desde o ano 2001 na ACSUG. Coa nova estrutura dos estudos universitarios actuais, grao, máster e doutoramento, resulta indispensable dispor de información sobre a inserción laboral da poboación titulada en másteres. Por iso, no ano 2013, a Axencia iniciou un novo proxecto, ampliando o campo de estudo aos titulados en másteres no SUG, converténdose na primeira axencia a nivel nacional en realizar unha análise deste tipo. Continuando con esta iniciativa, a ACSUG presenta un avance de resultados do seu cuarto informe.

Neste estudo, analízanse os resultados obtidos na enquisa realizada entre febreiro e marzo de 2016, aproximadamente aos tres anos de rematar o máster. Entre os obxectivos principais deste informe está o de proporcionar información sobre as tituladas e os titulados universitarios en másteres no SUG, de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. A información recabada contempla as seguintes temáticas: valoracións sobre aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, motivación principal para realizar estudos de másteres e valoracións sobre a experiencia laboral nestes últimos anos, antes e despois da realización do máster. O informe remata facendo unha comparativa dos resultados acadados entre a poboación titulada en másteres nos cursos académicos 2012-2013, 2011-2012, 2010-2011 e 2009-2010.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) asumiu neste ano 2018 a Secretaría Técnica da Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU)

01/03/2018

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) asumiu neste ano 2018 a Secretaría Técnica da Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU), tomando o relevo de AQU Catalunya, responsable da mesma durante o ano 2017.

Na súa condición de responsable da secretaría, convocou o luns 26 de febreiro na sede de ACSUG a xuntanza da Asemblea Xeral da Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU).

Na dita reunión, á que asistiron representantes das axencias de calidade catalá, andaluza, vasca, castelán leonesa, madrileña,valenciana, balear, de ANECA e de ACSUG, tivo como puntos principais os seguintes:

  • Debate sobre posibles temas para a elaboración de informes conxuntos que dean cumprimento ao punto 3.4 dos Criterios y Directrices Europeos para o Aseguramento da Calidade en Educación Superior “Thematic Analysis”.
  • Debate sobre os criterios mínimos que deben cumprir as titulacións dobres no proceso de Acreditación.
  • Debate sobre os criterios mínimos que deben cumprir os títulos online no proceso de Verificación e Acreditación.
  • Debate do documento de interpretación sobre perfil e persoal asociado ao programa de doutoramento.
  • Información sobre a xuntanza da Comisión Universitaria para a Regulación do Seguimento e a Acreditación (CURSA), do 7 de febreiro de 2018. En especial, comentáronse as propostas de modificación do borrador de Resolución polo que se ditan instrucións sobre o procedemento para a acreditación institucional de centros de universidades públicas e privadas.

 

A ACSUG participa nas VII Jornadas de Observatorios Universitarios de Empleo organizadas pola Universitat Jaume I

20/02/2018

A ACSUG participou nas “VII Jornadas de Observatorios Universitarios de Empleo”, que se celebraron os días 15 e 16 de febreiro na Universitat Jaume I en Castellón.

Estas xornadas foron o punto de encontro de servizos, unidades de observatorios de emprego, axencias de calidade, organismos públicos e outras entidades relacionadas co seguimento e análise da inserción laboral da poboación titulada universitaria. Nesta edición incluíronse no programa distintos actos como conferencias, mesas redondas e comunicacións, dentro das cales, o director da ACSUG participou na mesa redondaEstrechando la colaboración de los servicios públicos con las Universidades”, na que destacou o valor engadido dos estudos de inserción laboral para a administración, a universidade, os empregadores, os estudantes e a sociedade en xeral.

Na sesión de comunicacións a coordinadora dos estudos da inserción laboral da ACSUG tamén participou coa comunicación “Seguimiento y análisis de la inserción laboral de la población titulada en Másteres en el Sistema Universitario de Galicia (SUG)”. Nesta comunicación presentouse a experiencia da ACSUG no seguimento e análise da inserción laboral dos titulados en másteres realizada desde o ano 2013.

II Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo na Universidade

08/02/2018

A ACSUG colabora no "II Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo na Universidade: Coidando a aprendizaxe e o capital social dos estudantes" que terá lugar o 25 de maio de 2018.

Máis información en:

http://www.usc.es/esculca

http://redries.usc.es/

 

Convocatoria ordinaria 2017 para os complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora

23/01/2018

Publícase hoxe, 23 de xaneiro de 2018, a Resolución do 29 de decembro de 2017, (DOG do 23 de xaneiro 2018) pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento excelencia curricular docente e investigadora.

Guía do solicitante.

Preguntas frecuentes.

Acceso á aplicación para cubrir a solicitude e os demais anexos.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o día 24 de xaneiro de 2018 ata o día 20 de febreiro de 2018, incluído.

A aplicación para cubrir a solicitude e anexos estará aberta dende mañá día 24 de xaneiro de 2018.

ATENCIÓN! En aplicación do disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación de solicitudes deberá realizarse obrigatoriamene a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED701A

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso da obtención dos formularios na sede electrónica, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

Convocatoria ordinaria 2017 para os complementos de recoñecemento polos cargos de xestión.

16/01/2018

Publícase hoxe, 16 de xaneiro de 2018, a Resolución do 27 de decembro de 2017, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

Preguntas frecuentes

Acceso á aplicación para cubrir a solicitude e os anexos.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o día 17 de xaneiro de 2018 ata o día 13 de febreiro de 2018, incluído.

ATENCIÓN! En aplicación do disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación de solicitudes deberá realizarse obrigatoriamene a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED701C

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso da obtención dos formularios na sede electrónica, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

Complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador. Convocatoria ordinaria 2017

15/01/2018

Publícase hoxe, 15 de xaneiro de 2018, a Resolución do 14 de decembro de 2017, pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

Acceso á aplicación para cubrir a solicitude e os demais anexos.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o día 16 de xaneiro de 2018 ata o día 12 de febreiro de 2018 incluído.

A aplicación para cubrir a solicitude e anexos estará aberta dende mañá día 16 de xaneiro de 2018.

ATENCIÓN! En aplicación do disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación de solicitudes deberá realizarse obrigatoriamene a través da sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED701B

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso da obtención dos formularios na sede electrónica, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

Aviso convocatorias

02/01/2018

Informase que, segundo indicacións do DOG, as convocatorias de avaliación previa á asignación dos complementos retributivos do profesorado, correspondentes ao 2016, sairán publicadas a mediados do mes de xaneiro de 2018.