Arquivo de novas

Avaliación previa á contratación de profesorado

09/12/2010

Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) de 9 de novembro de 2010, polo que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Convocatoria ordinaria 2010 para os complementos de recoñecemento polos cargos de xestión

26/11/2010

A través da Resolución do 20 de outubro do 2010 (DOG do 26 de novembro do 2010) , apróbase a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais, relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e ábrese o prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación das solicitudes ábrese mañá día 27 de novembro e remata o día 27 de decembro de 2010.

Consolidación colaboradores

24/11/2010

Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) de 2 de novembro de 2010, polo que se aproba o protocolo de informe e avaliación previos á consolidación do profesorado colaborador nas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

A ACSUG é incluída no Rexistro Europeo de Axencias de Calidade (EQAR)

18/11/2010

O 18 de novembro de 2010, ACSUG é incluída no Rexistro Europeo de Axencias de Calidade (EQAR), despois de que este organismo verificara que a ACSUG realiza as súas actividades cumprindo cos Criterios e Directrices para a Garantía de Calidade no Espazo Europeo de Educación Superior (ESG).

O EQAR foi creado por ENQA, ESU, EUA e EURASHE, os órganos europeos representantes das axencias de garantía de calidade, estudantes, universidades e outras institucións de educación superior, respectivamente, para incrementar a transparencia da calidade da educación superior en Europa. O EQAR é un rexistro onde se inclúen aquelas axencias de garantía da calidade que operan no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) consideradas solventes, dignas de confianza e con credibilidade.

ACSUG, ANECA e AQU Catalunya entregan os certificados AUDIT

17/11/2010

O próximo día 23 de novembro, ACSUG, ANECA e AQU Catalunya procederán á entrega dos certificados AUDIT, nun acto celebrado na EGAP e organizado pola ACSUG.

O acto, ao que asistirán numerosas autoridades académicas e representantes de axencias, contará coa presencia de D. Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

O certificado concédese aos SGIC que obtiveron un informe de avaliación favorable. Nesta segunda convocatoria recibirán o certificado AUDIT 258 centros correspondentes a 38 universidades.

Tríptico

Convocatoria ordinaria 2010 para os complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora

08/11/2010

A través da Resolución do 20 de outubro de 2010 (DOG do 08 de novembro de 2010) , apróbase a convocatoria ordinaria para a avaliación das retribucións adicionais, relativas ó complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

Nesta convocatoria será posible solicitar a reavaliación para estes complementos por parte dos solicitantes das convocatoria 2006 e 2007 que obtiveran un novo quinquenio de docencia ou sexenio de investigación. No caso de optar pola reavaliación, é importante que teñan en conta que esta nova avaliación substituirá, a tódolos efectos, á anteriormente obtida . Polo tanto, e a efectos da avaliación adicional, deberán presentar os méritos que estimen convintes (máximo 6 docentes e 6 de investigación) correspondentes ao período 2005-2009. No caso de non alegar méritos, a nova avaliación só terá en conta os tramos correspondentes á avaliación básica, perdéndose a puntuación correspondente á adicional obtida no seu día.

O prazo para presentar as solicitudes remata o día 9 de decembro de 2010.

Convocatoria ordinaria 2010 para os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador

08/11/2010

A través da Resolución do 20 de outubro de 2010 (DOG do 08 de novembro de 2010) , apróbase a convocatoria ordinaria para a avaliación das retribucións adicionais, relativas ó complemento de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 09 de decembro de 2010.

Acceso á aplicación para cubrir a solicitude e os demais anexos.

Tendo en conta o carácter individual e consolidable dos complementos, OS PROFESORES AOS QUE XA SE LLES CONCEDERA EN ANTERIORES CONVOCATORIAS A VALORACIÓN POSITIVA POR PARTE DA ACSUG, NON TERÁN QUE VOLVER A SOLICITALA.

Auditoría externa de protección de datos

14/10/2010

O día 02 de xullo de 2010 levouse a cabo na ACSUG unha auditoría externa por parte da consultaría LOPDAT, relativa ao cumprimento da normativa vixente en protección de datos. O resultado da mesma conclúe que a ACSUG realiza unha xestión adecuada e ten implantadas todas as medidas necesarias relativas á seguridade e protección de datos: ficheiros inscritos na Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), protocolo de copias de seguridade, xestión de soportes e documentos, control de acceso e xestión de contrasinais, etc.

O Sistema de Xestión Ambiental da ACSUG foi verificado positivamente segundo o Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS)

22/07/2010

No mes de decembro de 2009 a empresa certificadora AENOR realizou unha auditoría externa para comprobar o cumprimento por parte da ACSUG dos requisitos do Regulamento EMAS. Como resultado, con data 13 de abril de 2010, o sistema de xestión medioambiental da ACSUG foi verificado de forma positiva, integrándose no sistema xa existente. Posteriormente ACSUG foi inscrita no Rexistro Galego de Centros adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Medioambiental, xestionado por cada comunidade autónoma en España.

Un dos principais requisitos que establece o Regulamento EMAS é a realización cunha periodicidade anual dun resumo da xestión ambiental dese período, plasmando esta información nun documento público denominado Declaración Ambiental.

Presentación da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados universitarios no sistema universitario de Galicia 2006-2007”.

02/07/2010

O martes día 6 de xullo ás 12:00 horas na sede da ACSUG ten lugar a presentación da publicación: ”ESTUDO DA INSERCIÓN LABORAL DOS TITULADOS UNIVERSITARIOS NO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA 2006-2007”. Esta presentación é realizada pola dirección da ACSUG e a Secretaría Xeral de Universidades.

Esta publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral dos titulados universitarios no Sistema Universitario de Galicia que se levan a cabo de forma periódica desde a ACSUG. Os resultados obtidos neste estudo proporcionan información sobre os aspectos relacionados coa transición da educación universitaria ao mercado laboral: porcentaxe de titulados traballando, vías de busca de emprego, factores valorados na contratación, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e as competencias máis requeridas no emprego.

A ACSUG participa na xuntanza do grupo de aseguramento da calidade interna de ENQA en Londres

08/06/2010

Os días 08 e 09 de xuño de 2010, ten lugar unha xuntanza de traballo en Londres, á cal asisten os membros do Grupo de Aseguramento Interno da Calidade (IQA Group) creado pola Asociación Europea para a Garantía da Calidade na Educación Superior (ENQA).

Este grupo, do que a ACSUG forma parte desde 2008, está formado principalmente por técnicos de calidade interna e externa das axencias membros de ENQA. Este grupo creouse co obxectivo de compartir experiencias sobre prácticas no campo dos sistemas de xestión e da calidade interna e fomentar a colaboración entre as diferentes axencias neste ámbito.Unha das actividades que se levan a cabo cada ano é unha xuntanza xeral de todos os seus membros.

Este ano a xuntanza se realiza en Londres, para o cal ENQA conta coa colaboración da Quality Assurance Agency for Higher Education (QAA). Na planificación das xornadas inclúese a exposición de diversos temas, así como debates e traballo en grupos, onde un dos temas a discutir é unha ponencia da ACSUG sobre “Comunicación interna e externa nas axencias de calidade”.

Criterios e directrices para a garantía da calidade no espazo europeo de educación superior

15/04/2010

A ACSUG realizou a adaptación do documento de Criterios e Directrices Europeos ao galego, contando coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña nos servizos de tradución.

A Europan Association for Quality Assurance in Higher Education (ENQA) aceptou incluír a versión en galego na súa páxina web.

Resultados avaliación previa profesorado

29/03/2010

Anúnciase que os interesados nas convocatorias relativas á avaliación previa a contratación polas universidades de profesorado contratado doutor, axudante doutor e profesorado de universidade privada, así como a relativa á emisión do informe previo á contratación excepcional de profesorado colaborador, aprobadas ambas a través de sendas resolucións do 15 de decembro de 2009, poderán retirar a súa resolución na sede da ACSUG, dende o día 30 de marzo ás 11:00 horas, ate o día 7 de abril ás 14:00 horas. A partir desta data as resolucións serán enviadas por correo.

Recórdase que o horario de atención ao público é de 9:00 a 14:00 horas.

Sorteo de membros de comisións de selección de profesorado da Universidade de Santiago de Compostela

24/02/2010

De conformidade co establecido no convenio de colaboración de 29 de maio de 2009, entre a ACSUG e a USC, anúnciase a celebración dos sorteos que terán lugar o 1 de marzo de 2010 as 12:00 horas, no salón de actos da ACSUG, (CIFP “Compostela”, Rúa Lamas de Abade, s/n, 15702 - Santiago de Compostela).

Proxecto piloto de seguimento de títulos oficiais de grao e máste: convocatoria 2010

19/02/2010

Ábrese a convocatoria para participar no Proxecto Piloto de Seguimento dos títulos oficiais de grao e máster. O obxectivo que se pretende cubrir coa presente convocatoria é traballar coas universidades no deseño dun documento marco de referencia para o seguimento dos títulos que imparten, no relativo á recollida das evidencias e indicadores máis significativos.

O prazo de presentación de solicitudes á ACSUG será ata o 15 de marzo de 2010.

O prazo de presentación do “Informe anual de seguimento e plan de mellora” será ata o 15 de outubro de 2010.

Xornada dirixida aos comités de avaliación que participan na implantación do programa Docentia na Universidade de Santiago de Compostela

12/02/2010

O 10 de febreiro celebrouse na ACSUG unha xornada de formación dirixida aos membros das Comités de Avaliación que participan na fase de Implantación do Programa DOCENTIA na Universidade de Santiago de Compostela.

Os obxectivos da xornada son dar a coñecer aos Comités o estado actual no que se atopa o Programa DOCENTIA a nivel galego e nacional, coñecer en detalle o manual de avaliación da actividade docente da USC e familiarizarse coa aplicación informática deseñada por ACSUG para o desenvolvemento deste programa.

Programa FIDES-AUDIT. 3ª convocatoria de avaliación do deseño dos SGIC

18/01/2010

Os centros que participan na 3ª convocatoria de avaliación do deseño dos SGIC contarán ata o 22 de febreiro de 2010 para presentar a solicitude de participación e ata o 31 de maio de 2010 para a presentación da documentación completa dos SGIC.

Xornada dirixida aos comités de avaliación que participan na implantación do programa Docentia na Universidade de Vigo

18/01/2010

O 14 de Xaneiro celebrouse na Universidade de Vigo unha xornada formativa dirixida aos membros das Comisións de Avaliación Docente (CAD) que participan na fase de Implantación do Programa DOCENTIA na Universidade de Vigo.

As tres universidades galegas atópanse neste momento na fase experimental de implantación dos seus procedementos de avaliación, que terá unha duración mínima de dous anos, co fin de introducir axustes e melloras nos propios procedementos e trala cal poderán pasar á fase de certificación dos mesmos.