O director da ACSUG asistiu á reunión e asamblea de ENQA

A reunión de 105 axencias de 44 países do EEES celebrouse durante tres días nas Palmas e concluíu cunha reflexión sobre a importancia de compartir experiencias, fortalecer a colaboración internacional e avanzar en temas relacionados coa calidade educativa, a sustentabilidade e as políticas internacionais.

Entre os temas tratados e con máis impacto figura a revisión das ESG actuais, que se fixaron no ano 2015, e que se renovarán no ano 2027, unha vez que sexan aprobadas polo BFUG e posteriormente adoptadas polos ministros na Conferencia Ministerial que se celebrará no mes de maio de 2027 en Iasi e Chisinau. Considérase xa que as axencias, con contratos de revisión asinados despois de maio de 2027, serán avaliadas baixo as ESG 2027.

Destacouse tamén a necesidade de reforzar a cooperación entre universidades e axencias de acreditación, tendo en conta valores comúns e estándares como as ESG. Así mesmo, tamén se insistiu na importancia de involucrar activamente aos estudantes e desenvolver unha comunicación estratéxica coherente e adaptada aos diferentes públicos.

Outro tema relevante entre os estudados e analizados nesta reunión de ENQA foi a necesidade de considerar e prestar atención aos principios da intelixencia artificial nas futuras políticas educativas e acreditación de títulos

Finalmente, establecéronse como prioridades continuar fortalecendo a colaboración internacional, integrar a sustentabilidade nas estratexias institucionais, mellorar a comunicación estratéxica yparticipar na próxima Conferencia Ministerial do proceso de Bolonia.

A próxima reunión e asemblea de ENQA acordouse celebrala no mes de outubro de 2027 en Lisboa.