Despois do primeiro encontro entre as tres universidades galegas e catro arxentinas, celebrado en novembro de 2024 na cidade de Buenos Aires, no que participaron tamén o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional e o Secretario Xeral de Universidades, xunto cos tres reitores das universidades públicas galegas e os catro das arxentinas, ACSUG coordinou un segundo encontro en Santiago de Compostela para avanzar no proxecto inicial de coordinar graos, másters e doutorados con dobre titulación, española e arxentina.
O obxectivo principal é conseguir moito máis que a mobilidade de estudantes, que xa pode darse entre universidades arxentinas e españolas. Á idea, proposta por ACSUG, de creación e implantación de programas de grao, máster e doutoramento con dobre titulación, acordada coas tres universidades galegas, sumáronse catro universidades arxentinas: a Universidade Nacional de La Plata, a de Lomas de Zamora, a de San Martín e a Universidade Tres de Febrero.
Aquel primeiro encontro en Buenos Aires non caeu no esquecemento e, tan só, oito meses máis tarde, xa se converteu en realidade, pois neste segundo encontro, xa se firmaron doce acordos de impartición de doutoramentos cotutelados, repartidos entre todas as áreas de coñecemento coa implicación das sete universidades implicadas.
A Consellería comprometeu financiamento para axudar ao intercambio de estudantes, tanto para as matrículas como para as estancias. Todos agardamos que, para o próximo curso, estes acordos para títulos de doutoramento poida estenderse tamén ao graos, o que significará que a internacionalización de títulos universitarios é xa unha realidade entre Europa e Latino América.
