XORNADA TÉCNICA SOBRE O PROCESO DE AVALIACIÓN EXTERNA DE GRUPOS DE INVESTIGACIÓN.

O día 7 do actual mes de marzo celebrouse na sede de ACSUG unha xornada sobre o proceso de avaliación dos grupos de investigación que concorren ás axudas que anualmente convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Universidades, na que participaron 22 expertos, algúns dos cales levan ata dez anos formando parte dos comités de avaliación nos devanditos procesos.

A xornada, que se prolongou durante toda a mañá, analizou os programas de consolidación e estruturación de unidades competitivas que cada ano concorren para obter algunha das axudas para desenvolver os seus proxectos de investigación. O obxectivo desta reunión, dirixida polos expertos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Axencia Galega de Innovación ( GAIN), foi o de atopar os instrumentos de traballo para a definición, impulso e posta en marcha dos mecanismos de reflexión e análise que permitan mellorar o programa, despois de facer unha análise e diagnóstico do sistema de I+D+i que desde hai varios anos vén desenvolvendo a Xunta de Galicia.