Presentación dos Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014”. Luns 17 de setembro ás 11:30 na sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O luns 17 de setembro ás 11:30 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación dos Resultados no SUG do ”Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014”. No acto intervirán o Sr. Secretario Xeral de Universidades, D. José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, D.ª María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, D. José Eduardo López Pereira.

Desde a súa creación, no ano 2001, a ACSUG desenvolveu actividades orientadas á mellora continua da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), entre as cales se atopa a realización dun seguimento periódico da poboación titulada no SUG, materializada a través dos seus estudos de inserción laboral. Nestes estudos analízanse as valoracións dos titulados, proporcionando información da percepción que teñen sobre a súa formación adquirida e a súa universidade, e sobre a busca de emprego e a súa situación laboral actual.

Neste avance, preséntase un resumo dos principais resultados acadados na duodécima enquisa, realizada á poboación titulada no curso académico 2013-2014 en xullo de 2017, aproximadamente aos tres anos despois de rematar o título. A poboación obxecto de estudo está centrada na poboación universitaria titulada en graos principalmente, e títulos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura e arquitectura técnica). Neste estudo detéctase un incremento na representatividade das tituladas e titulados en graos, en consonancia cos anos de implantación dos primeiros títulos de grao (2008-2009 e 2009-2010) froito do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), polo que practicamente ós 120 graos ofertados no curso académico 2013-2014 están representados neste estudo.

Os resultados obtidos neste estudo proporcionan información sobre aspectos relacionados coa transición dos titulados da educación universitaria ao mercado laboral: formación universitaria, prácticas e traballos durante a titulación, mobilidade, coñecemento de idiomas, acceso ao emprego, vías de busca de emprego, situación laboral actual no momento de realizar a enquisa, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e as competencias máis requeridas no emprego.