ACSUG presenta o resumo executivo da súa cuarta enquisa de inserción laboral á poboación titulada en Másteres no curso académico 2012-2013

ACSUG presentou o xoves 26 de abril o resumo executivo da súa cuarta enquisa de inserción laboral á poboación titulada en másteres, pertencente ao “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013 (EILMasteres1213)”. Neste informe analízanse os resultados obtidos na cuarta enquisa realizada aos titulados universitarios do curso académico 2012-2013 en másteres oficiais no SUG entre febreiro e marzo do 2016, aproximadamente aos tres anos despois de rematar o máster. A mostra acadada foi de 1.723 titulados en másteres sobre unha poboación de 2.432, o que representa un 70,8% da poboación total de titulados no curso académico 2012-2013.

Imagen1  

No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, a presidenta de ACSUG, Dona María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director de ACSUG, Don José Eduardo López Pereira.

A presentación comezou coa benvida da presidenta de ACSUG, quen destacou a periocidade anual destes estudos, situando ACSUG como a Axencia de Calidade dos Sistemas Universitarios de España que dispón da serie temporal máis longa deste tipo de estudos. Así mesmo, destacou a importancia dos resultados acadados que proporcionan datos estatísticos fiables, obxectivos e comparables sobre a empregabilidade e a inserción laboral no mercado laboral dos titulados universitarios en másteres, así como a percepción que teñen os egresados sobre a súa formación académica.

Tras a intervención da presidenta, o director de ACSUG presentou os principais resultados acadados en aspectos relevantes na traxectoria laboral da poboación titulada en másteres tales como: a motivación para realizar o máster, a actividade laboral previa e posterior ao máster, o tempo medio en atopar emprego desde a fin do máster, a actividade laboral actual, a relación do posto de traballo co máster, o lugar de traballo, a modalidade de contratación, o salario e a valoración global do máster. Así mesmo, tamén resaltou o valor engadido dos másteres en función da relación previa dos titulados co mercado laboral. Remataría a súa presentación destacando as tendencias acadadas nos últimos catro estudos na situación laboral, no lugar de traballo, no salario e na valoración global do máster.

Finalmente o acto rematou coa intervención do Secretario Xeral de Universidades, Don José Alberto Díez de Castro, quen resaltou a importancia destes estudos a nivel autónomico e nacional, destacando a súa periocidade, que permite deste xeito obter unha análise de tendencias con respecto á traxectoria laboral dos titulados en másteres oficiais no SUG. Así mesmo, resaltou a importancia dos estudos universitarios (grao, máster e doutoramento) na mellora da empregabilidade dos seus titulados. A maior nivel de estudos maior empregabilidade, polo que resulta unha “boa inversión realizar un máster”.

Dentro das principais conclusións extraídas no estudo EILMasteres1213 para o total da poboación titulada en másteres oficias do SUG durante o curso académico 2012-2013 atópanse as seguintes:

Cursou o máster principalmente para complementar a formación académica para obter unha maior especialización no mercado de traballo, ampliar as saídas laborais e acadar un maior desenvolvemento profesional (64,3%).
En canto á situación laboral no momento de iniciar o máster, un 58,2% xa traballaron con anterioridade a este. Un 60,2% simultanearon o traballo co máster.
O tempo medio en atopar o primeiro traballo despois do máster é de 7,40 meses.
Un 92,6% traballaron nalgún momento desde a finalización do máster, porcentaxe que se divide nun 73,9% que traballa actualmente e un 18,7% que non traballa no momento de realizar a enquisa pero si o fixo nalgún momento desde que rematou o máster.
Un 46,5% afirman que o seu traballo está bastante ou moi relacionado co máster cursado. A gran maioría traballa en Galicia (86,8%) no momento da realización da enquisa. Fóra da comunidade galega o 10,8% atópase traballando no resto de España e o 2,4% fóra de España.
A gran maioría traballa en Galicia (86,8%) no momento da realización da enquisa. Fóra da comunidade galega o 10,8% atópase traballando no resto de España e o 2,4% fóra de España.
Principalmente traballa por conta allea (88,8%), onde a práctica totalidade, un 99,5% cotiza á Seguridade Social, dos cales o 40,1% conta cun contrato fixo, mentres que o 46,1% ten un contrato de tipo temporal.
O salario medio dun titulado en máster no SUG é de 1.251,70 €.
Un 77,1% dos titulados en máster volverían a realizar o máster.