Presentación dos Resultados no SUG do “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”. Venres 21 de abril ás 12:30 na sede da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O venres día 21 de abril ás 12:30 horas na sede da ACSUG terá lugar a presentación dos Resultados no SUG do ”Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012-2013”. No acto intervirán o Sr. Secretario Xeral de Universidades, D. José Alberto Díez de Castro, a presidenta da ACSUG, D.ª María Patrocinio Morrondo Pelayo e o director da ACSUG, D. José Eduardo López Pereira.

Desde a súa creación, no ano 2001, a ACSUG desenvolveu actividades orientadas á mellora continua da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), entre as cales se atopa a realización dun seguimento periódico da poboación titulada no SUG, materializada a través dos seus estudos de inserción laboral. Nestes estudos analízanse as valoracións dos titulados, proporcionando información da percepción que teñen sobre a súa formación adquirida e a súa universidade, e sobre a busca de emprego e a súa situación laboral actual.

Neste análise, preséntanse os resultados acadados na undécima enquisa, realizada en decembro de 2015 aos titulados universitarios, aproximadamente aos dous anos e medio de rematar o título. A poboación obxecto de estudo segue a estar centrada na poboación titulada en títulos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura e arquitectura técnica) e graos, detéctandose un incremento na representatividade dos titulados en graos, en consonancia cos anos de implantación dos primeiros títulos de grao (2008-2009 e 2009-2010) como froito do proceso de adaptación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Os resultados obtidos neste estudo proporcionan información sobre aspectos relacionados coa transición dos titulados da educación universitaria ao mercado laboral: formación universitaria, prácticas e traballos durante a titulación, mobilidade, coñecemento de idiomas, acceso ao emprego, vías de busca de emprego, situación laboral actual no momento de realizar a enquisa, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e as competencias máis requeridas no emprego.