A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) presenta a publicación: “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011”.

O xoves 21 de xullo, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia presentou a publicación: “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011”. No acto participaron o Secretario Xeral de Universidades, a presidenta e o director da ACSUG.

Desde o ano 2001, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) ven proporcionando información sobre a integración no mercado laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia (SUG) para os títulos de 1º e 2º ciclo (diplomaturas, licenciaturas e enxeñarías) e graos. Coa nova estrutura dos estudos universitarios actuais: grao, máster e doutoramento resulta indispensable dispor de información sobre a inserción laboral dos titulados en másteres. Por iso, no ano 2013, a Axencia iniciou un novo proxecto, ampliando o campo de estudo aos titulados en másteres no SUG, converténdose na primeira axencia a nivel nacional en realizar unha análise deste tipo. Continuando con esta iniciativa, a ACSUG publica o segundo informe enmarcado nesta temática: “Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema Universitario de Galicia 2010-2011” (EILMásteres1011).

Nesta publicación, analizanse os resultados obtidos na segunda enquisa realizada aos titulados universitarios en másteres oficiais no SUG entre xuño e xullo de 2014, aproximadamente aos tres anos despois de rematar o máster. Entre os obxectivos principais deste informe están proporcionar información sobre os titulados universitarios en másteres no SUG, de xeito que os resultados acadados contribúan á mellora da calidade das ensinanzas universitarias ofertadas aos futuros estudantes. A información recabada contempla as seguintes temáticas: valoracións dos titulados en másteres sobre aspectos organizativos e de desenvolvemento do máster, motivación principal para realizar estudos de másteres e valoracións sobre a experiencia laboral nestes últimos anos, antes e despois da realización do máster. Así mesmo, o informe remata facendo unha comparativa dos resultados acadados nos dos últimos estudos entre os titulados en másteres 2010-2011 e 2009-2010.
A motivación principal para cursar estudos de máster é complementar a formación académica para obter unha maior especialización no mercado de traballo, cunha porcentaxe de 57,6%, seguida por complementar a formación académica previa para realizar o doutoramento e dedicarse a investigación, cunha porcentaxe de 30,1%, para o total do SUG. No tocante a distribución por ramas de coñecemento, o motivo de complementar a formación académica de cara ao mercado laboral é maioritario nas ramas de Enxeñaría e Arquitectura (68,0%), Ciencias da Saúde (61,4%) e Ciencias Sociais e Xurídicas (56,0%) fronte as ramas de Artes e Humanidades (53,8%) e Ciencias (51,6%) que acadan unhas maiores porcentaxes no motivo de complementar a formación de cara á investigación.

Con respecto a situación laboral previa á realización do máster, un 68,3% dos titulados másteres traballaban con anterioridade á realización do máster, un 8,5% buscaron emprego pero non o atoparon e un 23,2% nin sequera o buscaron. Así mesmo, no momento de comenzar o máster, o 61,6% simultanearon o traballo co máster, e tan só un 4,7% deixaron o seu emprego para cursar o máster.

Como novidade neste estudo, analízouse a traxectoria laboral dos titulados en másteres no SUG desde o momento no que remataron o máster ata a realización da enquisa. Un 91,9% dos titulados de máster traballaron nalgún momento desde que remataron o máster, porcentaxe que se divide nun 73,5% que traballa actualmente e un 18,4% que non traballa pero si o fixo desde que acabou o máster.

O tempo medio para que un titulado do SUG atope o seu primeiro traballo despois de rematar o máster é de 8,29 meses. Os titulados que acceden máis axiña ao mercado laboral tras o máster son os de Enxeñaría e Arquitectura (6,31 meses) e Ciencias da Saúde (6,36 meses).

Un 73,5% dos titulados en másteres no SUG traballaba no momento da realización da enquisa. Analizando a situación dos titulados que non traballan e tampouco buscan emprego, destacan as porcentaxes de titulados que realizan outros estudos (4,2%). A gran maioría traballa en Galicia 88,1%, mentres que só unha reducida porcentaxe traballa no estranxeiro, 1,7%.

Un 44,1% dos titulados en másteres do SUG afirman que o seu traballo está bastante ou moi relacionado co máster que cursou. Ademais, un 79,8% dos titulados considera que para o desenvolvemento do seu traballo actual é necesaria formación universitaria. Por ramas de coñecemento, os maiores niveis de vinculación entre o traballo e o máster danse nas ramas de Ciencias e de Enxeñaría e Arquitectura, onde case a metade dos titulados catalogan a relación como bastante ou moi relacionada.

Os titulados en másteres no SUG están satisfeitos cos estudos universitarios cursados. Case tres cuartas partes dos titulados en másteres volverían a realizar o máster.

A mostra enquisada neste estudo foi de 1.526 titulados en másteres no curso académico 2010-2011 sobre unha poboación de 2.099, representando arredor dun 72,70% da poboación total. O erro de mostraxe global acadado sitúase no +/-1,23%, cun nivel de confianza do 95%.