• Relacións e intercambio de información con outras axencias de calidade e organismos relacionados co ámbito universitario

Proceso de reavaliación (2024)

ACSUG continúa co proceso de mellora continua e avaliación cíclica do cumprimento dos “Criterios e Directrices para a Garantía da Calidade no Espazo Europeo de Educación Superior” (ESG). Por iso, tras 5 anos desde a última avaliación externa por parte de ENQA, realízase un novo proceso de avaliación internacional.

Neste caso, a decisión foi a de levar a cabo unha Targeted Review, que ten como obxectivo principal proporcionar ás axencias que superaran con éxito polo menos dúas avaliacións completas conforme aos ESG (no caso de ACSUG foron 3), unha forma alternativa de avaliar o seu cumprimento.

ACSUG levou a cabo a fase de autoavaliación, coa emisión dun informe resumo, resultado dun proceso dividido en varias fases e no cal contouse coa participación do persoal de ACSUG e membros dos distintos órganos da axencia.

O informe de autoavaliación inclúese no seguinte enlace:

Informe de Autoavaliación de ACSUG 2024

Continuando co proceso, entre os días 19 a 21 de marzo de 2024, o comité externo de ENQA, responsable da avaliación externa da ACSUG, realizou unha visita á axencia para comprobar in situ o cumprimento dos criterios e directrices europeos. O comité externo reuniuse con representantes de todos os grupos de interese do Sistema Universitario de Galicia: persoal da ACSUG, membros dos diferentes órganos da axencia, representantes do goberno autonómico e das universidades, avaliadores e expertos externos, estudantes, empresarios e grupos de traballo externos.

O comité externo emitiu posteriormente o seu informe final. Este informe foi analizado polo Board de ENQA na súa xuntanza do 6 de febreiro de 2025, na cal se confirmou a ACSUG como membro do organismo por un período de 5 anos máis. Na Reunión Xeral de ENQA, celebrada durante o Members Forum de Abril de 2025 en Paphos (Chipre), a decisión do Board de ENQA foi ratificada pola totalidade de membros da organización.