• Seguimento da integración no mercado laboral para a revisión e mellora da calidade da oferta universitaria

Outros estudos

Empregadores

Este estudo adopta un punto de vista diferente dos traballos feitos anteriormente pola ACSUG, e relativamente recente na literatura económica, xa que basea as súas formulacións e resultados na opinión e demanda dos destinatarios últimos dos titulados universitarios: os empregadores. Xa que logo, o principal obxectivo desta investigación é coñecer que necesidades de titulados universitarios teñen os empregadores e en que medida a formación recibida nas aulas se adecúa a tales demandas.

O obxectivo así definido non deixa de ser demasiado ambicioso, xa que o concepto de empregadores abarca desde o traballo autónomo, desenvolvido polos propios titulados, ao emprego público. Por iso optouse por acoutar os empregadores aos que se ía a dirixir o traballo, centrándose no caso das Pequenas e Medianas Empresas (PEMES).

Dividese en dous grandes bloques: o primeiro deles pretende servir para coñecer, a grandes rasgos, o mercado de traballo ao que se enfrentan as persoas tituladas universitarias. Presentando as características básicas do mercado laboral en Galicia, comparando coa realidade europea e nacional. O segundo bloque, pretende dar a coñecer tanto a demanda actual e futura dos titulados universitarios como as opinións empresariais sobre a formación universitaria.

Informática

No ano 2010 a ACSUG elaborou o informe correspondente á situación laboral nas enxeñarías en informática de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e o Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia.

O obxectivo principal deste informe é coñecer a situación profesional actual das enxeñarías e enxeñarías técnicas en informática do SUG, proporcionando información relevante de utilidade para todos os grupos de interese implicados: universidades, profesionais do sector, colexios e asociacións informáticas, empresas e sociedade en xeral.