MISIÓN
A ACSUG ten a misión fundamental de promover e de velar pola garantía da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), incidindo na súa mellora continua e transmitíndolle á sociedade información relevante sobre as actividades realizadas e os seus resultados, para que o SUG estea sempre adaptado á situación social e económica en cada momento.
VISIÓN
A ACSUG busca ser unha axencia de contrastada calidade e eficiencia e ser recoñecida como tal, tanto a nivel nacional como internacional, no ámbito da garantía da calidade universitaria, traballando sempre baixo os principios de independencia, obxectividade e transparencia e tomando como base os estándares nacionais e internacionais de garantía da calidade da educación superior.
VALORES
A ACSUG dispón dun Código Ético, aprobado polo consello de Dirección, que recolle os seus principios e maneira de actuar e que reforza o compromiso da Axencia coa mellora continua, a transparencia e a excelencia na conduta, e mais coa realización eficaz e eficiente das actividades realizadas. Os principais valores que se recollen no código ético son:
- Autonomía
Actuar como unha organización que adopta libremente aquelas decisións técnicas e organizativas que respondan fielmente aos criterios de neutralidade e independencia.
- Mellora continua
Poñer en marcha aqueles mecanismos de autoavaliación e avaliación externa que expliciten os puntos febles da institución e os procesos postos en marcha para superalos.
- Responsabilidade
Tomar en consideración as condicións de sustentabilidade ambiental, de mellora social e de apoio ao desenvolvemento da calidade de vida en todas as accións que a Axencia desenvolva, tanto no noso país como a nivel internacional.
- Profesionalidade
Garantir a calidade e profesionalidade do seu persoal, de xeito que aquelas tarefas que esixan un traballo especializado lles serán encomendadas a persoas cualificadas para iso.
- Accesibilidade
Realizar coa máxima transparencia todos os procesos de avaliación e de acreditación que se desenvolvan no seu seo, de tal maneira que os devanditos procesos sexan visibles, en todas as súas fases, para as institucións ou persoas afectadas. Esta accesibilidade esténdese tamén á dispoñibilidade de canles de información permanente para os que estean afectados polas actividades da Axencia.
- Cooperación con axencias e redes internacionais
A política institucional da ACSUG estará permanentemente orientada a colaborar con outras axencias. O estilo de traballo da ACSUG hase de caracterizar por estar sempre aberto a cooperar e a complementarse con todas aquelas axencias e institucións de características e obxectivos similares aos seus.