• Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Funcións do Consello Reitor

  1. O Consello Reitor é o órgano superior de goberno e dirección do consorcio. Funcionará en pleno ou nas comisións que constitúa.
  2. Corresponden ao Consello Reitor as seguintes funcións:
    1.  O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da dirección.
    2. A aprobación, por proposta da Dirección, da programación anual de actividades do consorcio.
    3. A aprobación, por proposta da Dirección, da memoria anual de actividades e de cantos informes se consideren necesarios sobre a xestión do consorcio, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.
    4. A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.
    5. A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.
    6. A aprobación, por proposta do Consello Asesor, do código ético que establecerá os principios de actuación do consorcio.
    7. A aprobación, por proposta da Dirección, do catálogo de medios e prestacións susceptibles de ser obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico, a que se fai referencia no artigo 9 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
    8. Acordar a realización dos convenios coas institucións e entidades públicas ou privadas que se consideren necesarios.
    9. A aprobación e modificación do cadro de persoal, logo do cumprimento do disposto polo artigo 58 da Lofaxga.
    10. Acordar as operacións de crédito e as operacións de tesouraría.
    11. A aprobación da admisión de novos membros no consorcio e a proposta de modificación dos seus estatutos.
    12. A elaboración e aprobación do seu regulamento de organización e funcionamento interno.
    13. O acordo de disolución e de liquidación do consorcio.
    14. As funcións atribuídas ao consorcio a que se fai referencia nos artigos 12, 13 e 23 da LSUG.
    15. Exercer todo tipo de accións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e os intereses do consorcio.
    16. Calquera outra función que lle sexa atribuída expresamente pola normativa que resulte aplicable.

En todo caso, as funcións non atribuídas expresamente aos restantes órganos do consorcio entenderanse atribuídas ao pleno do Consello Reitor.